martes, 5 de agosto de 2014


RUTA POLO RÍO NEIBÓ-LOIRA
(1ª ANDAINA)





O Grupo Cultural RONSEL ten programado para este mes de agosto dúas andainas polo río Neibó-Loira, o motivo é divulgar, dar a coñecer, e poñer en valor uns lugares de inmenso contido etnográfico que permanecen descoñecidos para a maioría dos veciños e para os visitantes que na época estival elexiron esta zona para pasar as súas vacacións.
A conca do río Neibó-Loira conta con máis de cincuenta muíños dende a parte máis alta do río, no lugar de Allaríz, ata a súa desembocadura na praia de Loira, muíños de distintas tipoloxías e diversas construcións condicionadas polo entorno onde están asentados. Non só hai muíños, as igrexas do Campo e Santomé fálannos da historia milenaria desta terra e o Almacén de Loira coas súas salgadeiras lembranos os primeiros albores da pesca como industria, sen esquecer construcións senlleiras coma o pazo de Cadro ou as casas Rectorais.
A primeira andaina terá lugar o día 13 de agosto con saída ás 10,30 h dende a alameda de Seixo; estará adicada aos vinte muíños, a grande maioría en estado ruinoso, que hai dende a praia de Loira ata a ponte de Guimeráns, onde se rematará facendo unha muíñada no muíño da Torre, sempre que o caudal de auga na presa que alimenta o lavadoiro público e o muíño sexa suficiente para mover a moa. Recoméndase que os asistentes veñan con calzado adecuado ao entorno húmido por onde vai discurrir a camiñata.
Na realización desta actividade colabora a Asociación de Comerciantes de Seixo que axudará a promovela e divulgala entre as persoas interesadas en descubrir lugares naturais dunha beleza singular, comparable coa das praias e da costa, beleza tan distinta coma perto se atopan.
Seixo, 4 de agosto de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario