RUTA POLO RÍO NEIBÓ-LOIRA
(1ª ANDAINA)
O Grupo Cultural RONSEL ten programado para este mes de
agosto dúas andainas polo río Neibó-Loira, o motivo é divulgar, dar a coñecer,
e poñer en valor uns lugares de inmenso contido etnográfico que permanecen
descoñecidos para a maioría dos veciños e para os visitantes que na época
estival elexiron esta zona para pasar as súas vacacións.
A conca do río Neibó-Loira conta con máis de cincuenta
muíños dende a parte máis alta do río, no lugar de Allaríz, ata a súa
desembocadura na praia de Loira, muíños de distintas tipoloxías e diversas
construcións condicionadas polo entorno onde están asentados. Non só hai
muíños, as igrexas do Campo e Santomé fálannos da historia milenaria desta
terra e o Almacén de Loira coas súas salgadeiras lembranos os primeiros albores
da pesca como industria, sen esquecer construcións senlleiras coma o pazo de
Cadro ou as casas Rectorais.
A primeira andaina terá lugar o día 13 de agosto con saída
ás 10,30 h dende a alameda de Seixo; estará adicada aos vinte muíños, a grande
maioría en estado ruinoso, que hai dende a praia de Loira ata a ponte de
Guimeráns, onde se rematará facendo unha muíñada no muíño da Torre, sempre que
o caudal de auga na presa que alimenta o lavadoiro público e o muíño sexa
suficiente para mover a moa. Recoméndase que os asistentes veñan con calzado
adecuado ao entorno húmido por onde vai discurrir a camiñata.
Na realización desta actividade colabora a Asociación de
Comerciantes de Seixo que axudará a promovela e divulgala entre as persoas
interesadas en descubrir lugares naturais dunha beleza singular, comparable coa
das praias e da costa, beleza tan distinta coma perto se atopan.
Seixo, 4 de agosto de
2014